Rodri Parafita: “Foi un momento bonito; quitamos a rabia acumulada”
lll
17º-23º

Rodri Parafita: “Foi un momento bonito; quitamos a rabia acumulada”

Rodri Parafita: “Foi un momento bonito; quitamos a rabia acumulada”
Rodri Parafita (i), futbolista do Paiosaco, no partido contra o Arosa | Raúl López

Usuario

Era un ‘match ball’ e o Paiosaco solventouno, pero non sen sufrimento. Gañou pola mínima no campo do Arzúa, último clasificado e equipo xa matematicamente descendido a Preferente, cun tanto no tempo engadido do segundo acto do cercedense Rodri Parafita, que xa leva tres goles desde que aterrizou na Porta Santa desde os Estados Unidos.


“Era o que necesitabamos. Viñamos duns partidos nos que xogamos contra os catro primeiros e nos que merecemos máis. No último, contra o Bergantiños, tivemos moitas oportunidades para levarnos os tres puntos e cando cheguei ao vestuario vin un equipo que tiña moita rabia acumulada. Neste último encontro deu comezo a nosa liga e foi da mellor maneira posible”, explica o lateral esquerdo de 25 anos.


Para Rodri, a vitoria en Arzúa vai marcar un punto de inflexión no Paiosaco. “Imos recuperar xogadores que estiveron de baixa. Non estamos tendo sorte coas lesions nestes últimos meses. O domingo perdemos a Dopico e a semana anterior a Andrés, pero temos moita xente que recuperou o nivel estas últimas semanas e estou seguro de que imos saír da zona perigosa e que poderemos estar tranquilos na última xornada”, ri.


O Paiosaco tivo que remontar un marcador adverso ante o Arzúa. “Moitos temos a experiencia de estar en equipos de Terceira que loitan pola permanencia. Levo seis anos nesta categoría e diría que en todos se nos complicaron as últimas xornadas. Saír a xogar con esa presión é moi complicado. O empate antes do descanso deunos moito aire e fixemos unha segunda parte espectacular tendo o balon, movéndo dun lado ao outro e tendo a identidade do Paiosaco”, apunta Parafita.


O gol da vitoria marcouno Rodri. “Recordo mirar ao meu redor e non ver a ninguén. Sempre me gustou chegar moito á área e nas situacións nas que te moves máis por corazon que por cabeza, faltando un minuto, había que ir a por todas. Dani puxo un balón perfecto e xa sentín que estaba libre e que sería tan fácil como poñer a cabeza e que o balón iría para dentro”.


En canto á celebración, “chegaron todos os meus e quitamos a rabia que tiñamos acumulada. Recordo ver saltar a Yelco (preparador físico) a valla. Creo que se o intento facer eu caio de frente. Foi un momento moi bonito”.


En nove partidos e só sete como titular, Rodri xa é o segundo máximo goleador do equipo. Marcou catro, pero o árbitro non lle deu o que anotou contra o Arteixo polo que para a Federación son tres.  “Toda a vida fun lateral esquerdo pero gustoume adaptarme a outras posicións nas que podo atacar máis. No Paiosaco, xogando de carrileiro ou un pouco por diante, o míster sempre nos pide que cheguemos e a min non fai falta que mo diga dúas veces. Non fútbol contan os goles e non se me dan mal”.

 

Sobre a súa adaptación ao Paiosaco, Rodri destaca que "desde o primeiro momento acolléronme moi ben. Xa coñecia a moitos xogadores e é un equipo que está a dez minutos da miña casa. Todos son incribles e creo que nos empuxamos uns aos outros para subir o nivel".
 

O que máis lle está a chamar a atención do seu novo equipo é "a profesionalidade que teñen os xogadores, o querer adestrar sempre e por non falar da afección. É impresionante ver como ven tanta xente a cada partido a animar".


O obxectivo é a permanencia e pasa por "gañar e facer puntos sexa como sexa. Quedan partidos moi importantes e penso que con facer 8 ou 9 puntos máis cumpriremos o obxectivo pero, aínda así, habería que estar atentos aos arrastres coma todos os anos. Confío plenamente neste equipo".

 

Moita xente se pregunta por que Rodri se decantou polo Paiosaco e non polo Silva no seu regreso a España. "Non é ningunha mentira que desde o momento que non saín escollido no draft en Estados Unidos estiven unhas semanas desanimado. Tiven contactos co Silva e con outros equipos de Terceira e algún de Segunda Federación doutras comunidades. A miña primeira idea era fichar polo Silva e estar cerca da casa porque teño alí. Botei case tres anos fóra do país xogando en Estados Unidos, non se puido dar porque non había oco para min ou preferían outros xogadores pero, a partir de aí, a interese que demostrou o Paiosaco foi incrible e non ía esperar a ninguén. Vin a un equipo no que me querían de verdade e intentarei devolver ese cariño que me trasladaron todas as persoas".


Volverás Rodri Parafita a Estados Unidos? "É complicado. A nivel universitario fíxenme cun nome que me fixo chegar ao draft, algo impensable para un rapaz internacional e con 25 anos. Aquelas semanas tiven moita ilusión, pensar en ser profesional e xogar na MLS (Primeira División) non se deu polo simple feito de non contar coa nacionalidade e ocupar un oco de extracomunitario. A partir de aí xa non sei que pode ocurrer. Sempre está a posibilidade de que se abra unha porta, algo que sería moi bonito, pero sei que é moi complicado. É moi complicado sacarlle un posto de extracomunitario a Jordi Alba (bromea)".


Sobre a súa experiencia en América destaca que "foi a mellor decisión que tomei desde que marchei do Deportivo. Puiden estudar o meu segundo Máster e, ademais, gañar dous aneis de campeón nacional de Estados Unidos. Convivir con chavales de moitas nacionalidades, aínda que no meu equipo eramos a maioria españois e moitos cun nivel de Segunda Federación, adestrar pola mañá, viaxar en avión a xogar é como estar nun ambiente de equipo profesional; unha pasada".


A canto a obxectivos a nivel deportivo a medio-largo prazo, Rodri Parafita aclara que "quero centrarme en deixar o Paiosaco onde se merece, que é a Terceira Federación, e a partir de aí xa teremos tempo de pensar o seguinte proxecto deportivo. Polo respecto que lle debo a este pobo e a este equipo, o primeiro que farei é falar con eles e ver o que facemos. Estou moi a gusto aquí en Paiosaco pero tamén me gustaría ter obxectivos ambiciosos e loitar na parte alta da clasificación. Oxalá poida ser co Paiosaco formando un gran grupo".

Rodri Parafita: “Foi un momento bonito; quitamos a rabia acumulada”

Te puede interesar